Cantares
Sábado á noite Marica pilla a roca
-Ña muller, pilla esa roca
e déixate de ir á misa,
pensa que non tés camisa
e fía unha mazaroca.
-Luns das almas, meu homiño,
déixame garda-lo día;
se eu fiare, que diría
no outro mundo meu paiciño?
Pois... martes de San Antonio
tampouco hei de traballare,
pra que o santo me librare
das tentazós do demonio.
Miércoles... Non digo eu!
O home de Nosa Señora,
San Xusé... de fiar hora
non me quisera no ceu.
E xueves...! N-hai que falar:
Santísimo Sacramento!
Con todo comedimento
o dia che hei de gardar.
I o viernes! Recordazón
da agonía de Xesús?
Pasareino ó pe da crus,
maxinando na Pasión.
E ti, benaventurado
sábado da Virxen santa,
quen túa festa crebanta
debe estar excomungado.
Mais, dende as doce hastra a unha
antre o sábado e o domingo,
tráeme acá esa roca, Mingo,
que esa n-é falta ningunha.
Se viras como o resío
me entra por antre os farrapos!
Acóchame co eses trapos,
que estou tembrando de frío.
-Non vexo trapos nin toldo
con que te poida tapare,
arrímate ó pe do lare
ou métete antre o rescoldo.
-Seica teño calentura...
Bruu!, seica vou morrere.
-Non te afrixas, ña mullere,
que che irei cata-lo cura.
-Mais quisera un cubirtore;
sinto callofríos... tantos...
-Pois que te cochen os santos,
que n-hai cuberta millore.
Folgaches noites e dias
só por ilos a bicare,
e débenche hora cochare
nas túas postrimeirías.
Deste modo Xan sinTerra
coa súa muller falaba,
cando veu que se quedaba,
malpocado!, feita terra;
e cuns codesos tapándolle
o triste coiro desnudo,
díxolle entonces (eu dudo
si chorando, si cantándolle):
Ei ti, miña gardadora
dos días santos e das festas,
cómo che relosen hora
as carnes por antre as xestas!
Compadre, desque un vai vello
o mesmo sol lle fai frío,
cada regueiro élle un río,
un boi cada escarabello.
Pésame o lombo que pasma,
pero que inda Dios me leve
se é que non teño unha sede
que me fai volve-la iasma!
E ben, xa que estamos preto
de ña casa... Compadriño,
vinde proba-lo meu viño
e botaremos un neto!...
-Entra ti diante! -Non! -Sí.
Ti que és máis vello. -Cal mentes!
-Pois que cho digan os dentes.
-Teño máis moas que ti.
Mais entrémo-los dous xuntos
e acabouse o del-con-dela;
mide seis netos, Manoela,
que traio enxóito-los untos;
enche o xerro do canteiro,
e non enchas co da Ulla
que é tan sóo pra meter bulla
senón co aquel do Ribeiro.
Coló, coló! -Ben nos preste,
porque sin estos consolos
andivéramos máis solos
os vellos do que anda a peste.
-Ten un piquiño! -Qué noria!
Con pique ou non, compadriño,
dempois de Dios, viva o viño!
-E haberá viño na groria?
Coló, coló! - Cousa boa!
[…]
Poema de Rosária de Castro, in ‘Cantares Galegos’
JDACT