Cortesia de xuntadegalicia
Un lugar ben próximo á tumba apostólica ocuparon os monxes de San Paio ó longo dos séculos dende pouco despois do descubrimento da tumba apostólica. Ante os altares da Catedral, no propio “locus sancti Iacobi”,localízase o espacio dun sitio monacal que, pasados os séculos, foi ocupado, a partir de 1499, pola mesma comunidade de monxas benedictinas que hoxe manteñen alí o seu culto. A proximidade ó xacobeo, e o seu vencello co culto apostólico, é pois unha constante na vida deste mosteiro que xustifica sobradamente a súa inciusión no decurso dunha exposición desta índole.
E é que no principio mesmo dunha mostra pensada para Santiago de Compostela no seu Ano Xubilar de 1999 distribuída en varios lugares da cidade, era difícil obvia-la oportunidade de que unha parte da mesma se presentase precisamente en San Paio de Antealtares, nunha data tan signifìcativa coma o quinto centenario da fundación benedictina feminina deste centro. Incluír neste discurso expositivo ós dous grandes centros benedictinos composteláns, este e o masculino de San Martiño Pinario, permítenos penetrar, a través do que nestes centros se mostra, no que foron, e en certo modo aínda son, ó longo dos tempos. Hanse de entender ámbolos dous casos coma lugares composteláns claramente ligados co culto xacobeo, como custodios que son, pola súa propla locaÌización, do lugar da tumba que garda, co seu prelado e cabido, a Catedral de Santiago.
No Colexio de Fonseca, mesmo á beira de onde a tradición recolle que parou o carro que trouxo ata aqui as reliquias apostólicas, e no Pazo de Xelmírez, anexo á gran basílica xacobea, a exposición fálanos de Santiago o Maior a partir tanto da súa vida a carón de Xesús coma do culto que xerou o recoñecemento da súa lumba en terras galegas.
Seguindo o camiño, en torno á Catedral, propónselle ó visitante que se achegue ó pasado, e á vida, dos grandes cenobios benedictinos composteláns para recoñecer asi unha das máis preclaras claves da vivencia relixiosa desta cidade que responde á denominación de Santiago, común ó Apóstolo e á urbe, e que se toma como título global para este proxecto expositivo.
Cortesia de xuntagalicia
Agora, en San Paio de Antealtares, é o seu propio patrimonio histórico o que se mostra. Non se debe esquecer que, neste caso, contábase como fundamento primeiro o gardado no museo deste centro e de aí procede, como é natural, unha boa parte da obra exposta.
Polo demais, o mesmo ca no caso de San Martiño Pinario, débese considerar tamén en San Paio o papel que a súa comunidade desempeñou á fronte dun amplo dominio ó que se fai referencia por medio dunha serie de expoñentes artisticos que proveñen de distintos priorados.
Polo que se refire ó desenvolvemento desta mostra, xa no interior da igrexa, os esforzos desta exposición centráronse fundamentalmente en potencia-lo valor dos seus retablos. Todos eles foron tidos en conta no plan de conservación que se puido levar a cabo. Ademais melloráronse ostensiblemente as condicións deste templo en aras dunha máis adecuada valoración do rico mobiliario co que conta. E, tamén, un dos seus laterais foi o lugar elixido para dispo-lo conxunto de obras que fai alusión a algúns dos que foron antigos domínios de San Paio.
Na sancristia achégasenos a unha serie de testemuños medievais e tamén a unha boa selección da rica indumentaria litúrxica que este centro garda, así como a parte da ouriveria monacal.
Na zona que corresponde ó seu museo de arte sacra, o relato expositivo achéganos, en primeiro lugar, a unha serie de documentos e libros alusivos á historia deste centro monacal para pasar, a continuación, a contemplar un bo repertorio de esculturas, pinturas e ouriveria que se estructura en función de catro apartados iconográficos; trátase asi, en primeiro lugar, sobre o culto marìano para ocuparse despois do dedicado ós santos propiamente benedictinos e, máis tarde, ós outros santos iniciando esta parte polo propio San Paio, advocación principal deste cenobio. Xa en cuarto lugar é o culto puramente cristolóxico o que ten o seu espacio e é aquí onde se pode ve-la parte máis destacada da rica ourivería deste centro.
Cortesia de xuntagalicia
Tamén neste caso han de se salienta-los notables esforzos que se fixeron no campo do inventario, catalogación e, en liñas xerais, estudio dun abundante patrimonio salvagardado neste mosteiro de clausura, descoñecido ata o de agora nunha parte substancial do mesmo. O fío da valoración do conxunto deste patrimonio púidose formular un proxecto de rehabilitación dun bo número de obras que se integran na selección realizada para esta mostra.
Neste caso tanto a montaxe coma o concepto deste libro que cumpre as funcións ser catálogo da mostra responden a unha idea que se comparte co visto no caso de San Martiño Pinario; o desexo de que, tras deste tempo de exposición, siga a ter validez o que se realizou, e que xustifican tanto a calidade e esmero co que se tratou a montaxe coma o xeito no que se estructura este volume que pretende dar moitas luces sobre un fito da arte galega que se pode recoñecer, deste modo, cara ó futuro como máis valorado e mellor coñecido». In José Manuel Garcia Iglésias, Santiago, San Paio de Antealtares, Xunta de Galicia, 1999, Xacobeo’99, ISBN 84-453-2445-4.
Cortesia de Xunta de Galicia/JDACT